Asociación Cultural Remadoira

Covid-19

Moi poucas entidades ou persoas están a pasar estes tempos do mesmo xeito que anos anteriores. O virus Covid, que está a facer estragos en todo o mundo soamente comparables a os producidos polas grandes guerras, obríganos a mudar os nosos costumes para os demais, polo que neste verán as navegacións foron distintas.

As precaucións fixeron imposible as colaboracións que faciamos tódolos verans, saindo a navegar con usuarios ou alumnos de COGAMI e ARELA; como tampouco foi posible colaborar coa Asociación de Pesca Deportiva Rías Baixas e a Agrupación Náutica San Gregorio, na organización do concurso de pesca infantil destes últimos anos, enchendo o pantalán de nen@s.

Pódese dicir que neste verán navegamos cando e como foi posible, coas medidas de seguridade axeitadas para, deste xeito, fornecer aos nosos barcos a ración de auga de mar que compre darlles para estaren “vivos”.

Agardamos que este pesadelo que estamos a vivir tod@s remate o máis axiña posible e así voltar a normalidade.

Saude a tod@s.

ETrad 2019

Por primeira vez, rapaces da ETRAD sairon a navegar unha tardiña connosco. Quedaron moi contentos de navegaren nas embarcacións tradicionais e coa pracenteira sensación da navegación a vela. Por unhas horas, convivimos xentes que tentamos conservar distintas caras da cultura do noso país; eles coa nosa música e nos cos nosos barcos.

Subida ao Rio Verdugo 2019

Coma outros anos, algúns compañeiros fixeron unha travesía dende Vigo ata o río Verdugo. Tres dos nosos barcos, Taiña, Chanquete e Trebello, pasaron baixo as pontes de Arcade e Pontesampaio e navegaron río arriba. Axudados pola marea, chegaron ata praia fluvial de Comboa, en Soutomaior. Unha lixeira e fermosa viaxe, axudado por un forte vento do sur e por unha pousada e gozosa subida por este verde e vizoso río.

4º Concurso de pesca Infantil

Este pasado sábado dia 10, tivo lugar no pantalán da Agrupación Náutica San Gregorio o “IV Concurso de pesca infantil con boia” desenvolto pola Agrupación Náutica de San Gregorio, a Asociación de Pesca Deportiva Rías Baixas e a Asociación de Embarcacións Tradicionais Remadoira.

A xornada foi un éxito de asistencia, nun concurso que cada ano gaña mais adeptos. Este ano coarenta rapaces e rapazas gozaron dunha fermosa xornada de pesca.

Ainda que o día amaneceu gris e choveu a reo nas primeiras horas, mudou e luciu o sol o resto do día, polo que @s rapac@s tiveron unha mañá moi fermosa. Ademáis hai que engadirlle o poder estar en contacto coa natureza, reflexionando, observando e interpretando o medio mentras socializan e desenvolven virtudes coma a paciencia e a constancia.

É un concurso de pesca sen morte, onde o impácto na natureza é mínimo xa que as capturas se voltan a auga despois de pesalas, causándolles a minor molestia posibel.

@s nen@s estiveron acompañados dun adulto, o que foi unha magnífica oportunidade de convivencia, encontro e creación de recordos dunha xornada de pesca xuntos.

Ademais de cinco premios e accesit a peza maior en ambaslas duas categorías (benxamíns e infantís) tódol@s participantes recibiron medallas e un “premio a paciencia” pola súa entrega e constancia na práctica da pesca. Tras participar nun sorteo, despedímosnos ata o vindeiro ano, data que tanto nen@s coma adult@s voltemos a coincidir nun concurso tan entrañabel.