Como está acontecendo cada verán, rapaces de ARELA sairon a navegar connosco. Tivemos unhas tardes moi boas para navegar, así que os rapaces gozaron navegando na nosa ría, chegando a coller a escota e levar o leme dos barcos.
Fermosa experiencia.
Coma outros anos, algúns compañeiros fixeron unha travesía dende Vigo ata o río Verdugo. Tres dos nosos barcos, Taiña, Chanquete e Trebello, pasaron baixo as pontes de Arcade e Pontesampaio e navegaron río arriba. Axudados pola marea, chegaron ata praia fluvial de Comboa, en Soutomaior. Unha lixeira e fermosa viaxe, axudado por un forte vento do sur e por unha pousada e gozosa subida por este verde e vizoso río.
Outro ano máis, coa compaña da Agrupación Náutica San Gregorio, voltamos a colaborar cos nosos amigos de COGAMI. Este ano fixemos 3 saidas con uns poucos rapac@s con discapacidade desta federación. Un paseiño que lles senta moi ben e coñecen de preto un pouco da navegación en embarcacións tradicionais. Todo un gozo tanto para eles coma para nos.
O pasado sábado dia 18. realizóuse a botadura da dorna nai Uxia, tras cinco anos de traballos. O acontecemento fíxose na mariña da Agrupación Náutica San Gregorio, con quen compartimos este evento.
Neste fermosa cerimonia contamos coa asistencia do Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, o Sr. D. Cayetano Rodríguez Escudero, que nos honrou coa súa presenza.
O vindeiro sábado dia 18, vai ter lugar no pantalán da Agrupación Náutica San Gregorio, de Vigo, a botadura da nosa dorna nai UXIA. Despois de cinco anos de traballos a dorna quedou do trinque.
Todos aqueles que teñan interese pola nosa cultura mariñeira están convidados ao evento.
Remadoira acudiu este ano ao 15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Moaña (Pontevedra), que tódolos anos organiza a Asociación Sueste., acontecido os dias 11 e 12 deste mes.
Remadoira acudiu o encontro con tres embarcacions. Unha fermosa xornada con moitísimas embarcacions lucindo a nosa ría.