Asociación Cultural Remadoira

Belida

Dorna de Tope, de 7,50 metros de eslora (12 cuartas).

A BELIDA e unha dorna de tope de 7,50 metros de eslora.

O que se sabe deste barco de antes da súa recuperación e ben pouco. Crese que veu para a Ría de Vigo nos anos 70, procedente da Ría de Arousa. Estivo fondeada en Domaio, Chapela e rematando en San Gregorio.

Sábese que a dorna estaba cabinada, tiña proa meca, non tiña mastro e estaba propulsada por un motor interior de 70 cv.. Ademais fixéranlle unha  balaustrada arredor da popa.

Por mor da morte do seu dono ficou abandonada no seu fondeadeiro. A falla de coidados fixo que o rigor do tempo acabaran por afundir a embarcación no ano 1986, quedando deitada sobre a banda de babor.

No ano 2001, 15 anos despois, localízase a dorna. A tarefa de levala a terra foi moi complexa, xa que estaba moi deteriorada agás a zona que ficaba soterrada no fondo. Usáronse bidóns valeiros para tentar sacar a dorna do fondo, e moi pouco a pouco achegouse ata a rampa. Xa non tiña os bances superiores e faltáballe a cuberta enteira. Toda esta operación de achegamento durou un mes enteiro.

Para sacala do mar usouse un camión con guindastre, amarrando a dorna en dous tacos donde antes ía ancorado o motor para, deste xeito, non deformar a súa fasquía. Durante o izado unha das suxeccións rompeu pero, malia a sacudida que levou a embarcación, a súa fasquía non sufriu dano algún.

Unha vez fora do mar, o primeiro que se lle fixo foi unha limpeza polo miudo, para retirar tódolos restos da borralla que levaba enriba (lodo, argazo …). Despois fóronse substituindo as cadernas, unha a unha, por outras novas, usándose cada caderna vella como patrón.

O mesmo houbo que facer co pinchón, a quilla e os bances, para os que usamos un coche para axudarnos a facerlle a virada as taboas. Para completar os bances que faltaban montáronse e axustáronse grazas as liñas que nos marcaban as cadernas.

A construción da cuberta semellaba ser aínda máis complexa, xa que non había resto algún. Na procura de documentación topamos no libro do Sr. Steffan Mörling, “Las embarcaciones tradicionales de Galicia”, as cotas dunha dorna de tope, chamada DOLORES, de medidas case iguais a nosa. Decidiuse facela, igual que a DOLORES, de tilla corrida e darlle as mesmas cotas descritas polo Sr. Mörling; bancos, cadeira, tilla, fogonadura, …

Para a montaxe do temón xurdiu unha dúbida; facer un temón tradicional ou un moderno. Decidiuse por un temón moderno, xa que posibilitaría a instalación dun motor foraborda e utilizalo, de xeito doado, como propulsión auxiliar se fose neceseria. Desta maneira, a embarcación gañaría moitísimo en seguridade o contar cunha propulsión alternativa. Compre dicir, que estas adaptacións, o temón moderno máis o útil do foraborda, e unha montaxe completamente reversibel, poidéndose aparellar un temón tradicional facendo un axuste na quilla ademais das ferraxes para o novo temón.

Para o mastro se aparellou un poste, fora de uso, do tendido de Telefónica; forte pero un pouco pesado de máis, asemade de una vela de relinga galega.

Finalmente, rociouse con carbulinium e despois carenouse con patente na obra viva e con alquitrán e aceite de liño no resto da dorna.

Dous anos despois do seu rescate, a dorna voltou o mar totalmente nova, agás dúas pezas: un falso codaste (peza que reforza a unión da quilla e o varragán) e a roda (peza que une o pinchón coa quilla) que pertencian a dorna orixinal.

Cando se empezou a navegar con ela, decatámonos que necesitaba algo de lastre. Isto é porque son embarcacións feitas para traballar na mar, que ían sempre cargadas con aparellos e artes para a pesca e que, sen querelo, facian a función do lastre. Hoxe, este barco emprégase en actividades culturais e de lecer, polo que xa non leva estes aparellos. Foi necesario lastrala con 250 kg de area, que se puxeron en sacos dentro da tilla. Tamén, por mor do seu peso, substituiuse o pau de Telefónica por outro máis livián de piñeiro do país. Con todo isto, a dorna é moi rápida e cun navegar moi mariñeiro e, dende entón, vai lucindo a súa fasquía por diferentes encontros culturais nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa.

Un ano despois, no 2004, substitúllese o lastre de sacos de area por un quillote de aceiro do mesmo peso, co que se recupera o espazo da tilla sen perder estabilidade. Pola contra perde un pouco de velocidade o aumentar o arrastre da obra viva. Tamén faíselle un pau novo, composto por madeiras de iroco, piñeiro do país e abeto, unidas con epoxi; un pau livián pero de gran resistencia.

No ano 2009, se lle modifica o temón, correxindo as súas medidas, co que se mellora as súas cualidades de navegación e manobra.


Galería